Investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC participan nun proxecto europeo dotado con 2,6 millóns de euros

De esquerda a dereita, Mateo Fouz, Iván López e Rodrigo Carballo, na canle de ondas e correntes da EPS de Enxeñaría de Lugo. Foto: USC.

Os portos marítimos son un dos motores fundamentais da economía. Para o seu axeitado funcionamento precísase dispoñer de grandes infraestruturas e instalacións, que requiren un elevado subministro de enerxía e son fonte de polución. Estes dous problemas ambientais poderían solucionarse ou cando menos mitigar o seu impacto co co uso de enerxías renovables.

O proxecto Portos afonda no aproveitamento da enerxía renovable de orixe mariña que se pode obter para abastecer a estas instalacións

Así, segundo informa a USC, o proxecto Portos xorde precisamente da oportunidade de aproveitamento de enerxías renovables advertidas nas zonas costeiras, localizacións nas que existe unha confluencia entre o elevado consumo e a gran dispoñibilidade de enerxía renovable mariña. Daquela, este o programa Portos pretende avaliar, desenvolver e promocionar o uso integrado destes recursos enerxéticos renovables en enclaves portuarios, e especialmente as enerxías renovables mariñas, co obxectivo de acadar a súa autosuficiencia enerxética, a fin de establecer así unha folla de ruta cara un sector máis competitivo.

O cometido do grupo Cigeo da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC neste proxecto europeo, no que tamén participan centros de I+D+i, empresas e autoridades portuarias do Reino Unido, Francia, Irlanda, Portugal e España, non é menor, xa que desempeña un papel fundamental no desenvolvemento do proxecto Portos, segundo indicou o profesor Rodrigo Carballo, quen lidera a implicación da USC neste programa, no que tamén teñen unha participación directa Iván López Moreira e Mateo Fouz Varela, entre outros investigadores.

Respecto das accións encomendadas ao grupo Cigeo da USC no proxecto Portos, Rodrigo Carballo indicou que “somos o equipo responsable de, entre outros aspectos, realizar a avaliación integrada das diferentes formas de enerxía nos portos participantes, así como da realización de ensaios experimentais a escala na canle de ondas e correntes de que dispón a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo”.

“Temos moito traballo por diante”, engade Carballo, para, de seguido, explicar que, a partir das actividades previstas neste proxecto, o noso grupo é o encargado de determinar os emprazamentos e as tecnoloxías máis acaídas para o aproveitamento da enerxía das ondas e das correntes. As tecnoloxías seleccionadas serán optimizadas para as condicións de clima marítimo existentes nas localizacións de interese por medio dos ensaios que se realizarán nas instalacións da EPSE, dixo Carballo.

Alén da participación no programa europeo Portos, un proxecto Interreg Espazo Atlántico que vén de botar a andar no mes de abril, o grupo Cigeo da USC conta cunha ampla experiencia na análise do aproveitamento das enerxías renovables mariñas. De feito, este grupo ten participado en numerosos proxectos de investigación tanto a nivel internacional, nacional coma rexional, no marco dos cales realizou máis de 50 publicacións en revistas internacionais de impacto.